Reportaxes
Un recoñecemento ao labor ben feito: Escaes
|
CEI. O impulso da transformación da educación
O Departamento de Potosí atópase ao sueste da República de Bolivia, sendo o departamento que posúe a menor cifra porcentual en canto a necesidades sociais básicas satisfeitas, e a maior porcentaxe de persoas máis aló do limiar da pobreza. Ningún outro departamento ten tantos pobres, indixentes e marxinais.
Potosí, a pesar de ter xerada unha inmensa riqueza no pasado, é a zona máis pobre e excluída de Bolivia que, á súa vez, é o segundo país máis pobre de América Latina.Ten a taxa máis alta de analfabetismo absoluto e practicamente supera o dobre da media nacional. Os datos din que máis do 28´40 por cento das persoas maiores de 15 anos non saben ler e escribir. A situación na área rural é sempre moito máis dramática. Se a isto se suma a deficiente infraestrutura educativa que provoca o fenómeno das aulas multigrao (aulas onde un só mestre educa a nenos de ata tres graos diferentes), presentamos o panorama da complexa situación na que se debate a educación en Potosí.
Ademais, culturalmente existen problemas moi graves. Mestres que non coñecen o idioma materno dos nenos (quechua ou aymará), ou pais que non aceptan que os seus fillos sexan educados no seu idioma (por ser idiomas abertamente desprezados nas sociedades occidentais). O Centro de Educación Integral Santa Lucía de Yocalla, que xa se encontra en pleno funcionamento, creouse co obxectivo de modificar a actual realidade educativa. O centro deseñou un modelo que permite impulsar a transformación educativa incrementando o potencial científico e tecnolóxico da rexión, de cara á formación dunha moderna cidadanía vinculada tanto á democracia e á equidade, como á competitividade.
Para isto, está a formar cada ano 360 nenos pertencentes ás familias con menos recursos do departamento, coa intención de que moi pronto cheguen a 500 alumnas e alumnos. A través do Centro de Educación Integral, tanto a ONGD Paz e Desenvolvemento como o Centro de Iniciativas para o Desenvolvemento, pretenden asumir as actividades de produción e difusión de coñecementos. O nexo do Centro de Educación Integral co entorno xeográfico e social é moi forte. Esa unión marca as pautas culturais necesarias para un desempeño de excelencia, a través do trilingüismo: quechua, castelán e inglés.
Existen tamén sete ámbitos de actuación política: superar o illamento da educación e capacitación; asegurar o acceso de nenas e nenos e mozas e mozos aos códigos da modernidade; impulsar a creatividade no acceso á difusión e a innovación en materia científico-tecnolóxica; xestión institucional responsable; profesionalización e protagonismo dos educadores; e, por último, o compromiso financeiro da sociedade coa educación e esforzo científico-tecnolóxico.
O Centro Integral de Santa Lucía permite que estes nenos reciban anualmente unha educación que doutro xeito non recibirían. Entre as disciplinas que se imparten, aparecen o teatro e a danza como xeito de complementar unha educación baseada na ruptura dos tópicos sobre o indixenismo e o sometemento ao que historicamente estiveron atados estes pobos, especialmente na zona andina. |






