Registro de cooperantes

Comunicando > Novas de Cooperación Galega / Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

Volver 08 / 05 / 2017

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

No DOG do 8 de maio de 2017 publicouse a Orde do 26 de abril de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación


O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:


• proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)

• proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)


A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ven publicándose dende o ano 1995. A convocatoria ten carácter bianual (2017-2018), e será financiada cun importe total de 3.012.500 euros, un 26,44% mais que na convocatoria do ano anterior, conforme a seguinte distribución:


• Proxectos no exterior de ONGD: 2.637.500 € (1.055.000 € no ano 2017 e 1.582.500 € no 2018).

• Proxectos no exterior doutros axentes: 375.000 € (150.000 € no ano 2017 e 225.000 € no 2018).


Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e as agrupacións de calquera das entidades anteriores.


Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2017, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2017. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e un aos outros axentes, dos que un deles debe ser executado en algún dos países considerados prioritarios no III Plan Director da Cooperación Galega. Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, o importe máximo da subvención concedida a cada ONGD non poderá ser superior ao 10% do total da dotación da convocatoria para este tipo de axente.


Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.


O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 8 de xuño de 2017.