Registro de cooperantes

Comunicando > Novas de Cooperación Galega / Publicada a orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

Volver 06 / 04 / 2017

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

No DOG do 7 de abril de 2017 publicouse a Orde do 23 de marzo de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e para a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.


Esta convocatoria enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no citado Plan Director, o goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando para iso a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos e potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade.


O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento das ONGD, cunha dotación de 400.000 € (160.000 no 2017 e 240.000 no 2018).


As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:


a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d)Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.


No marco desta convocatoria de axudas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.


A novidade mais destacada da convocatoria deste ano afecta á forma da presentación de propostas, que debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os documentos de formulación asociados a esta a convocatoria pódense descargar no enlace abaixo indicado.


O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 8 de maio de 2017.