Registro de cooperantes

Comunicando > Novas de Cooperación Galega / O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participa en Sevilla no “X encontro de Comunidades autónomas e Cooperación para o desenvolvemento”

Volver 10 / 04 / 2017

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participa en Sevilla no “X encontro de Comunidades autónomas e Cooperación para o desenvolvemento”

  

Os representantes das Comunidades Autónomas incidiron na necesidade de coordinar as súas actuacións, especialmente no ámbito da acción humanitaria.


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou, xunto con representantes das Comunidades Autónomas e da Administración Xeral do Estado, no X Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para ao Desenvolvemento, que se celebrou en Sevilla os días 6 e 7 de abril organizado pola Comunidade de Andalucía.


Estes encontros xurdiron como espazos de debate e reflexión da cooperación descentralizada española co fin de buscar canles para una maior coordinación e complementariedade das accións de desenvolvemento das distintas administracións autonómicas e para plantexar propostas de traballo conxunto.


As anteriores edicións deste Encontros foron organizadas polas Comunidades Autónomas de Aragón, Estremadura, Illas Baleares, Navarra, País Vasco, Cataluña, Castela A Mancha e Madrid, sendo Galicia a comunidade organizadora o pasado ano 2016.


Os representantes das comunidades autónomas debateron sobre os retos de futuro da cooperación descentralizada e a necesidade de avanzar nos procesos de coordinación, ademais da posta en marcha da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, que define o marco global para a promoción do desenvolvemento dos próximos tres lustros.


Ao longo destes dous días repasáronse, entre outros temas de interese común, a colaboración cos distintos axentes de cooperación, como as ONGD, as universidades ou os fondos locais, a cooperación técnica que desenvolven as comunidades autónomas ou a coordinación de actuacións no eido da acción humanitaria.


Jesús Gamallo incidiu na súa intervención no compromiso de Galicia na coordinación coa AECID e coas comunidades autónomas no eido da acción humanitaria, reiterando a aposta da Xunta de Galicia polo Fondo de Programación Conxunta da Acción Humanitaria creado no 2015 por un convenio asinado entre a AECID e as Comunidades Autónomas de Galicia, a Rioxa, Castela -A Mancha, Illas Baleares, Estremadura e Madrid, cuxo período de execución remata no 2017.

O director xeral destacou a conveniencia de renovar o citado Fondo a partir do 2018 baseándose nos principios de unidade de acción no exterior, de coherencia e harmonización de políticas, de coordinación inter-institucional e de complementariedade que deben presidir as relacións entre a cooperación descentralizada e a AECID.

Do mesmo xeito, Gamallo puxo en valor aos distintos axentes galegos de cooperación, facendo especial fincapé nas ONGD como socios estratéxicos e executores da meirande parte do orzamento da Cooperación Galega, así como do traballo coas universidades no eido da educación e da investigación para o desenvolvemento.