Registro de cooperantes

Comunicando > Novas de Cooperación Galega / O Consello da Xunta aproba o Decreto de Cooperación para o Desenvolvemento en Galicia.

Volver 10 / 03 / 2017

O Consello da Xunta aproba o Decreto de Cooperación para o Desenvolvemento en Galicia.

• Regulará, entre outros aspectos, a composición e funcionamento do Consello Galego de Cooperación (CONGACODE), o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación e as especialidades das axudas e subvencións de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria

• Será publicado nos próximos días no Diario Oficial de Galicia


O Consello da Xunta aprobou onte o Decreto de Cooperación para o Desenvolvemento que inclúe melloras na normativa galega de cooperación para o desenvolvemento.


Este decreto vén motivado pola aprobación de novas leis transversais como a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que recollen preceptos en relación á cooperación das entidades locais, aos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega e aos empregados públicos, respectivamente, o que facía necesario desenvolver a dita normativa


Do mesmo xeito, aproveitase este novo decreto para actualizar e consolidar nunha soa disposición a normativa aplicable na materia, contribuíndo a garantir a seguridade xurídica así como a facilitar a xestión dos procedementos.


Concretamente, o novo decreto inclúe a actualización da regulación do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, creado no ano 2004, incorporando melloras de xestión como a tramitación telemática das solicitudes de inscrición ou a simplificación do procedemento de actualización dos datos do Rexistro.


Por outra banda o decreto recolle a nova composición do Consello Galego de Cooperación, órgano que unifica as funcións dos 3 órganos anteriores (o Consello galego de Cooperación, a Comisión Interterritorial e a Comisión Interedepartamental) nun so que terá reforzadas as súas competencias (o novo Consello Galego de Cooperación). Así mesmo, actualízanse os representantes dos departamentos que realizan actuacións na materia de cooperación, coa inclusión de novos representantes das áreas de igualdade e turismo, e engádense dous representantes da FEGAMP, un novo representante do Fondo Galego (agora serán 2) e dous novos representantes das entidades do terceiro sector. A nova composición do CONGACODE reforza a presenza dos axentes de cooperación distintos da administración autonómica, que pasan a ter maioría en dito órgano.


Regúlase tamén a licenza para a participación dos empregados e empregadas públicas en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria, con dúas modalidades: unha que se propón de carácter retribuído para o caso de proxectos promovidos ou cofinanciados pola Xunta ou as administracións publicas galegas e outra sen retribución para participar en proxectos ou programas de cooperación non promovidos nin cofinanciados pola administración.


Subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria


O novo texto afonda, finalmente, no desenvolvemento do réxime xurídico especial das axudas e subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento establecido na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que sinala que, co obxecto de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación internacional e acción humanitaria, poden establecerse sistemas específicos de xustificación e control do gasto adaptados á súa especialidade, que teñan en conta a necesaria flexibilidade e adaptación das normas xerais de réxime financeiro e orzamentario para proxectos de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.


Neste eido, recolle como principais novidades o establecemento de normas para flexibilizar os pagos dos proxectos plurianuais ou normas específicas en relación ao prazo de execución das actividades financiadas cando concorran situacións excepcionais e imprevisibles, como terremotos, crises humanitarias, ou conflitos armados.