Registro de cooperantes

Comunicando > Novas de Cooperación Galega / O consello da Xunta aproba o Plan Anual 2017 da Cooperación Galega que conta cun incremento no orzamento de máis dun 7,7 por cento.

Volver 03 / 03 / 2017

O consello da Xunta aproba o Plan Anual 2017 da Cooperación Galega que conta cun incremento no orzamento de máis dun 7,7 por cento.

• O Plan Anual 2017 terá unha dotación orzamentaria de 4,5 millóns de euros e conta coa aprobación do Consello Galego de Cooperación (Congacode).


O Consello da Xunta aprobou onte o Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento deste ano tras a aprobación do Consello Galego de Cooperación (Congacode), órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación, o pasado 31 de xaneiro.



O Plan Anual 2017 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento recolle as actuacións previstas para o ano 2017 e conta cunha dotación orzamentaria de máis de 4,5 millóns de euros, o que representa un incremento dun 7,7% con respecto ao aprobado para o ano 2016.



Para este ano, o Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior, educación para o desenvolvemento e bolsas de formación, e tamén outras que non se tiñan publicado nos últimos anos como a de proxectos de acción humanitaria ou a de proxectos de investigación para o desenvolvemento das universidades galegas.



Así mesmo, asinaranse, entre outros, convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego e continuarase co financiamento daqueles proxectos xa aprobados no ano 2016 e que teñen compromisos no ano 2017.


Este Plan Anual, último dos enmarcados no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.