Proxecto
ONG
 
Área
Campaña de Sensibilización Educar Sumando, a fórmula do cambio. A Educación Inclusiva, motor do Desenvolvemento Humano
FUNDACIÓN
INTERED
Xustiza Social

InteRed é unha ONGD que centra a súa actuación na realización de proxectos socioeducativos no Norte e no Sur para colaborar na transformación da realidade socioeconómica actual xeradora de inxustiza. A liña de intervención principal na que se enmarca o seu traballo nos países do sur é a de educación, capacitación e formación básica. As súas accións en educación para o desenvolvemento teñen dous enfoques incorporados: o de xénero e o de dereitos.

Actualmente realiza unha campaña de sensibilización: "Educar sumando, a fórmula do cambio. A educación Inclusiva, motor do desenvolvemento Humano". A educación inclusiva ten o reto de transformar o concepto tradicional de cidadanía, ligada a un espazo xeográfico, cuxo acento se pon máis na exclusión que na inclusión, e busca a homoxeneidade, e substituílo por novos conceptos que aborden a pluralidade cultural, asuman a diversidade, a pertinencia múltiple e a singularidade como unha riqueza individual e colectiva.

Poden consultarse todas as accións desta ONGD na súa páxina web www.intered.org

Persoas destinatarias
  • Educadoras e educadores da educación non formal, profesorado e alumnado de todas as etapas educativas e AMPAS dos centros e concellos onde se traballe a campaña, CFR de Vigo, Ourense e Tui-Vigo, sociedade en xeral e medios de comunicación.
Obxectivos
  1. Promover o desenvolvemento da educación inclusiva como estratexia para a consecución dunha sociedade galega máis xusta e equitativa.
  2. Favorecer a sensibilización e a formación da sociedade galega sobre o dereito a unha educación máis inclusiva e de calidade en América Latina, como ferramenta para o desenvolvemento e a transformación de sociedades excluíntes.
Actividades
  • Editar unha exposición fotográfica itinerante por Galicia de 10 paneis en galego e castelán co tema da educación inclusiva.
  • Desenvolver un seminario de formación sobre a educación inclusiva, en dúas sesións en Santiago de Compostela ou outra cidade galega.

Pode consultar máis información sobre os recursos educativos desta ONGD en www.intered.org/intered/materialesEducativos.jsp

Actividades lúdico-educativas a colectivos sociais, a mozos e mozas e persoal docente de 24 institutos sobre Dereitos Humanos, cidadanía e interculturalidade
ACSUR
LAS SEGOVIAS
Xustiza Social

ACSUR Las Segovias presenta "Trocando peles", un proxecto de sensibilización sobre a problemática da poboación inmigrante en Galicia. Esta é unha organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento laica que ten como obxectivo contribuír á superación da brecha de desigualdades económicas, políticas e sociais entre o norte e o sur.

O proxecto pretende ilustrar as desigualdades existentes entre os seres humanos e os factores que están detrás dos fenómenos de exclusión e discriminación das persoas, centrándose no colectivo inmigrante por ser dos máis vulnerables aos factores de exclusión.

Pode atopar máis información sobre esta ONGD na súa páxina web www.acsur.org

Persoas destinatarias
  • Inmigrantes e colectivos sociais que traballan con inmigrantes que residen en Galicia; o alumnado e persoal docente dos 24 centros onde se desenvolverá a actividade.
Obxectivos
  1. Fomentar o coñecemento e a solidariedade así como facilitar ferramentas a colectivos sociais, estudantes e ao profesorado da comunidade autónoma galega para incorporar o enfoque intercultural e de cidadanía na súa práctica diaria.
  2. Proporcionar unha adecuada formación a través de actividades lúdico-educativas a colectivos sociais, a mozos e mozas e persoal docente de 24 institutos sobre dereitos humanos, cidadanía e interculturalidade.
Actividades
  • Realización dun obradoiro de formación no Teatro do Oprimido, de 40 horas de duración, con 50 inmigrantes e/ou persoas membros de colectivos sociais galegos.
  • Representación da obra de Teatro Forum en 24 institutos de diferentes concellos de Galicia. Elaboración do guión coas propostas feitas polos/as participantes no obradoiro do Teatro do Oprimido.
  • Tradución e edición da guía xuvenil elaborada por ACSUR: Cidamundeando: Ferramentas para a interculturalidade.
  • Obradoiros en 24 institutos de actividades educativas e pedagóxicas que se propoñen na guía metodolóxica "Cidamundeando".
  • Difusión do material editado nos centros educativos, asociacións, ONGD, colectivos, sindicatos, etc.
Sensibilización e mobilización social para unha cidadanía global galega
FUNDACIÓN
INTERMÓN OXFAM
Xustiza Social

O proxecto "Sensibilización e mobilización social para unha cidadanía global galega" de Intermón Oxfam enmárcase dentro do plan estratéxico 2007-2017, "Esiximos Xustiza" en torno ao que se aliñan todas as actuacións nos ámbitos de cooperación, axuda humanitaria e urxencias, comercio xusto e sensibilización.

A proposta de Educación para a Cidadanía Global xurdiu como consecuencia da reflexión e a práctica de diversos educadores/as que, desde hai varias décadas, desenvolven nos centros educativos, acompañados polo traballo das ONG, diversas variantes de modelos educativos alternativos.

Intermón Oxfam leva máis de 20 anos realizando propostas para profesorado e educadores no ámbito da educación formal e non formal ao redor da transmisión dos valores de xustiza, solidariedade e paz.

O labor que desenvolve esta organización pode ser seguido desde www.intermonoxfam.org.

Persoas destinatarias
  • O proxecto diríxese en xeral á poboación de Galicia, aos colaboradores de Intermon Oxfam en Galicia: 3.801 socios/as e 4.018 colaboradores, aos voluntarios e voluntarias, que participan activamente e colaboran nas campañas de Intermón Oxfam.
  • Mozos: de 15 a 25 anos, procedentes de centros de educación secundaria obrigatoria e post-obrigatoria e movementos asociativos xuvenís.
  • Alumnado e profesorado dos 991 centros escolares de primaria e secundaria de Galicia.
Obxectivos
  1. Contribuír á construción dunha cidadanía global, a través da sensibilización, a educación para a cidadanía global e mobilización social, sendo conscientes da capacidade que temos de xerar cambios na vida das persoas máis desfavorecidas para que poidan exercer os seus dereitos económicos, sociais, culturais e políticos, e facer valer plenamente a súa dignidade como cidadáns.
  2. Aumentar a información e coñecemento entre os mozos, voluntarios e sociedade galega en xeral sobre a realidade dos países do Sur, e en particular sobre os temas de cambio climático e agricultura, desde unha perspectiva de dereitos, ofrecendo propostas de participación e mobilización concretas.
  3. Proporcionar instrumentos de reflexión-acción así como ferramentas didácticas ao profesorado para facilitar que a teoría e a práctica da Educación para a Cidadanía Global se incorporen nas crenzas e actitudes do alumnado e profesorado galego.
Actividades
  • Accións de sensibilización na rúa sobre cambio climático e agricultura. Xaneiro 2010.
  • Celebración da xornada solidaria de Intermón Oxfam. Abril 2010.
  • Música en vivo. Febreiro 20010.
  • Revista IO encarte Actúa. Outubro - novembro 2009.
  • Curso de formación online para o profesorado "Conectando Mundos". Marzo 2010.
  • Difusión e presentación da proposta educativa no marco do Programa "Educar para unha Cidadanía Global".
  • Desenvolvemento da proposta educativa "Conectando Mundos". Novembro 2009 - maio 2010.

Os traballos finais quedan recollidos nas webs www.conectandomundos.org e www.intermonoxfam.org/educar

Combater a Fame. Proxecto de Todos. Segundo o 1º ODM. Contra a Fame, Defende a Terra. Segundo o 1º ODM
MANOS UNIDAS
Xustiza Social

As delegacións de Manos Unidas en Galicia levan traballando desde a sua creación no ano 1960 en temas de formación, educación, sensibilización e cooperación ao desenvolvemento.

O proxecto "Combater a Fame. Proxecto de Todos. Segundo o 1º ODM. Contra a Fame, Defende a Terra. Segundo o 1º ODM" intégrase dentro da estratexia global de traballo de Manos Unidas na loita contra a pobreza e a fame e, desde a aprobacion no ano 2000 dos obxectivos de desenvolvemento do milenio (ODM), da súa divulgación á sociedade galega. E neste cometido en concreto, céntrase a meta deste proxecto: Loitar para acadar o Obxectivo número 1.

Persoas destinatarias
  • Estudantado e profesorado de centros educativos galegos de infantil a bacharelato e persoal das parroquias galegas.
Obxectivos
  1. Concienciar á poboación sobre a necesidade de acadar no 2015 o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Actividades
  • Elaborar e imprimir en galego os materiais educativos sobre os ODM. Abril - xullo 2009.
  • Contactar, presentar e entregar os materiais educativos aos docentes. Setembro - decembro 2009.
  • Realizar o VI Curso de Cine en Valores. Febreiro - maio 2009 e setembro - novembro 2009.
  • Realizar charlas e conferencias sobre a campaña na USC. Xaneiro - setembro 2009.
  • Deseñar, elaborar e distribuír materiais da campaña. Setembro - decembro 2009.
  • Realizar charlas e conferencias e obradoiros sobre os ODM dirixidos á sociedade galega. Outubro - decembro 2009.
  • Lectura do manifesto nas grandes cidades galegas e vilas importantes, a lectura do manifesto de denuncia para que se cumpran os ODM. Xaneiro - decembro 2009.
  • Deseñar, elaborar e distribuír a exposición fotográfica itinerante sobre os 50 anos de Manos Unidas. Febreiro 2009.
  • Realizar as xornadas de verán "Combater a fame e a pobreza: proxecto de todos". Xaneiro - abril 2009.
  • Realizar cursos sobre os ODM dirixidos a catequistas. Xaneiro - decembro 2009.

Os materiais didácticos serán repartidos aos centros educativos galegos, tanto públicos como privados. O acceso ao material educativo e posible a traves de : www.manosunidas.org/web_santiago/web_santiago.htm

Pódese solicitar máis información no correo electrónico santiago@manosunidas.org

En acción contra a desigualdade. Plántalle cara á pobreza!
FUNDACIÓN
AYUDA EN ACCIÓN
IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO
Xustiza Social e
Solidariedade

"En acción contra a desigualdade. Plántalle cara a pobreza!" é un proxecto da ONG Fundación Ayuda en acción, organización non gobernamental que traballa desde 1981 para mellorar as condicións de vida de miles de nenos e nenas e das súas familias. En todas as súas accións, identifícase a perspectiva de xénero como eixo transversal nas estratexias de cooperación para o desenvolvemento e, polo tanto, como unha dimensión prioritaria no labor da organización.

O proxecto pretende informar/formar/sensibilizar sobre tres aspectos en concreto da desigualdade e a pobreza: a feminización da pobreza, a relación das regras do comercio internacional coa pobreza e a xestión do risco como medida de desenvolvemento.

A información sobre esta ONG esta disponible na súa web www.ayudaenaccion.org

Persoas destinatarias
  • Público en xeral, con especial interese en núcleos rurais de menos de 10.000 habitantes e axentes da sociedade civil: mundo educativo, organizacións de mulleres do ámbito rural e medios de comunicación.
Obxectivos
  1. Formar e sensibilizar á poboación galega en xeral, e ao alumnado de centros educativos (formais e non formais) e integrantes de asociacións de mulleres rurais en particular, acerca das causas que orixinan as desigualdades no mundo e a pobreza para acadar unha cidadanía responsable e con conciencia crítica.
Actividades
  • Edición e difusión dun documental sobre o protagonismo da muller no desenvolvemento dos países empobrecidos de Latinoamérica, en concreto, en Nicaragua. Setembro - decembro 2009 e marzo - xuño 2010.
  • Realización e difusión dunha exposición fotográfica (e material informativo de acompañamento) sobre a situación da muller en África. Xullo - novembro 2009 e decembro 2009 - xuño 2010.
  • Realización e difusión dun xogo de rúa adicado á sensibilización sobre a prevención de riscos e desastres: RISCOLANDIA. Xullo - novembro 2009 e decembro 2009 - xuño 2010.
  • Realización e difusión dunha exposición "tipo cómic" (e material de acompañamento) que explique os principios do comercio xusto desde unha perspectiva infantil. Xullo - decembro 2009 e xaneiro - xuño 2010.

Máis información contactando con agarcia@galicia.ayudaenaccion.org

Campaña Mundial pola Educación en Galicia
FUNDACIÓN
AYUDA EN ACCIÖN
Xustiza Social e
Convivencia

A "Campaña Mundial pola Educación" (CME) é unha coalición internacional de ONG, sindicatos do mundo educativo, centros escolares e movementos sociais de máis de 120 países comprometidos co dereito á educación e co obxectivo de que unha educación de calidade chegue a todas as persoas, especialmente aos grupos máis desfavorecidos.

En Galicia, este proxecto preséntase por unha agrupación integrada por Fundación Axuda en Acción, Educación Sin Fronteras, Fundación Entreculturas - Fe y Alegría, Fundación InteRed Galicia, Fundación Intermon Oxfam, Fundación Jóvenes y Desarrollo (antes Jóvenes del Tercer Mundo) e Seminario Galego de Educación para a Paz. Todas estas entidades xestionan proxectos de sensibilización e educación para o desenvolvemento e de cooperación internacional en moitos países do mundo.

Máis información destas ONGD nas súas páxinas webs :

Ademais na web da campaña www.cme-espana.org está colgada a información dos actos desenvolvidos en Galicia, así como as fotografías e os materiais para a súa descarga en galego: www.cme-espana.org/resources_SAME2009.htm Pódese obter máis información do proxecto contactando con algunha das ONGD e coa web da campaña estatal:
info@cme-espana.org, esfgalicia@educacionsinfronteras.org, acoruna@entreculturas.org, jlquintela@intermonoxfam.org, galicia@intered.org, jtm.galicia@jovenestercermundo.org e paz@sgep.org

Persoas destinatarias
  • Este proxecto de sensibilización vai destinado ao público en xeral, fixando como segmentos prioritarios a comunidade educativa, as institucións públicas galegas e os medios de comunicación.
Obxectivos
  1. Promover a educación como un dereito humano básico e mobilizar á sociedade civil para que esixa aos gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas de prover de educacion básica libre, obrigatoria e pública a todo o mundo; en particular á infancia, ás mulleres, aos adultos e ás poboacións máis desfavorecidas.
  2. Informar e sensibilizar ao mundo educativo e político sobre os obxectivos de Dakar (e os compromisos firmados) e a importancia da educación para todas e todos.
Actividades
  • Asistencia e participación activa no seminario de formación nacional de todo o equipo técnico da CME España en xaneiro de 2009. Xaneiro 2009.
  • Reunións de coordinación para a organización, seguimento e avaliación da CME Galicia. Xaneiro - decembro 2009.
  • O alumnado e o profesorado dos centros escolares de Galicia levan a cabo a implementación nas escolas dos materiais didácticos da CME. Marzo - xuño 2009 e setembro - novembro 2009.
  • O alumnado e o profesorado dos centros escolares de Galicia levan a cabo a celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación en actos centrais realizados nas catro provincias galegas. Abril 2009.
  • Dez centros educativos e/ou culturais acollen a exposición "A Campaña Mundial pola Educación en Galicia" antes de finais de decembro de 2009. Xaneiro - decembro 2009.
  • Reunións de traballo e información cos responsables políticos de cooperación exterior, educación, e responsables políticos locais antes de marzo de 2009 para ser informados dos obxectivos xerais da CME e dos actos previstos para a Semana de Acción Mundial pola Educación. Xaneiro - febreiro 2009.
  • Actos de adhesión dos responsables políticos locais e autonómicos dentro dos actos centrais da Semana de Acción Mundial pola Educación. Abril 2009.
Facendo familias na Eduación Infantil (2ª fase)
FUNDACIÓN
MENIÑOS
IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO
Xustiza Social e
Convivencia

Meniños nace no ano 1996 como unha iniciativa social de persoas dedicadas ao traballo con nenos e familias en dificultade social. Desde 2005 desenvolve o proxecto "Facendo familias", que cubre actuacións no eido da sensibilización, da educación e da prevención, e incide, de xeito directo e transversal, en valores como a solidariedade, a participación infantil e a igualdade de xénero.

Até o ano 2007, o eido de incidencia foi o ensino primario e no ano 2008 centrouse na educación infantil. O presente proxecto ("Facendo familias na Educación infantil (2ª fase)") contempla unha segunda fase para fidelizar a participación actual e acadar a de novos colexios, introducindo un concurso como actividade complementaria que fomente a implicación.

Persoas destinatarias
  • De xeito directo, nenos e nenas de Galicia do 2º ciclo da educación infantil e, indirectamente, o seu profesorado e as súas familias.
Obxectivos
  1. Educar na solidariedade e na promoción do bo trato aos nenos e nenas da primeira infancia de Galicia, mediante o fomento de actitudes partícipes e responsables, coa aplicación da proposta educativa para Educación Infantil "Facendo familias".
Actividades
  • Contacto cos colexios-diana: Envío de correo electronico e/ou postal, chamadas telefónicas e visitas a todos os colexios-diana, ao longo do ano.
  • Rexistro da participación (base de datos, memorias)
  • Recepción dos cuestionarios de valoración.
  • Planificación e montaxe da exposición en tres localidades de Galicia.
  • Elaboración dun folleto divulgativo do concurso como actividade de sensibilización.
  • Información da oferta de colaboración voluntaria coas actividades de Meniños.
Para descargar os materiais visite a páxina www.meninos.org; para máis información pode enviar un correo electrónico a meninos@meninos.org
Campaña educativa de mobilización e cooperación de UNICEF Galicia co programa de supervivencia infantil de UNICEF en Níxer
FUNDACIÓN
UNICEF COMITÉ ESPAÑOL
IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO
Xustiza Social e
Convivencia

A "Campaña educativa de mobilización e cooperación de UNICEF Galicia co programa de supervivencia infantil de UNICEF en Níxer" é un proxecto presentado por Fundación Unicef Comité Galicia, organización que traballa en Galicia desde 1977. O proxecto pretende ir máis alá da sensibilización e ser unha chamada á acción, presentando unha realidade concreta: auga e supervivencia infantil en Níxer. Ao tempo que acompaña a educadores e alumnos no proceso da EPD: Exploración - Reacción - Acción: que cada quen aporte a sua "gota para Níxer".

Toda a información sobre as actividades desta ONG pode consultarse a través da súa páxina web www.unicef.es ou específicamente en www.enredate.org.

Persoas destinatarias
  • Mestres/as e alumnado dos 261 centros públicos e concertados de secundaria e bacharelato de Galicia.
  • 7 Centros de Formación e Recursos do Profesorado.
  • 7 sedes de UNICEF en Galicia.
Obxectivos
  1. Dar a coñecer á comunidade Galega a situación de vulneración dos dereitos da Infancia nos países menos desenvolvidos e que actúe en consecuencia.
Actividades
  • Elaboración e distribución aos centros públicos e concertados de educacion secundaria e bacharelato, centros de formación de profesores, e sedes de UNICEF en Galicia, dunha caixa para o traballo nunha acción concreta de EPD chamada "Gotas para Níxer". A caixa leva 3 unidades didácticas (por tramos de idades), un póster e un folleto explicativo.
  • Edición do Kit Gotas para Níxer. Maio - xullo 2009.
  • Contacto telefónico cos centros de formación de profesores e cos distintos departamentos da Consellería de Educación. Xuño - xullo e setembro 2009.
  • Distribución do KIT entre as escolas de secundaria acompañado dunha carta que sitúe o material como continuación da estratexia comezada co DVD de Binta (2007), e continuada co Manual de Educación para o desenvolvemento (2008). Setembro - outubro 2009.
  • Distribución do Manual entre as sedes de UNICEF en Galicia. Setembro - outubro 2009.
  • Distribución do Manual entre os CEFORES. Xuño, setembro e outubro 2009.
  • Envío dos materiais a outras sedes de UNICEF e resposta ás peticións extra por parte da CGONGD ou dos propios centros. Setembro - novembro 2009.
  • Seguimento e avaliación do proxecto (recollida de fichas como mostra incluída). Maio - novembro 2009.

Máis información sobre esta actividade e os recursos educativos en www.gotas.enredate.org/ e no correo electrónico galicia@unicef.es