Benvida

BenvidaA Cooperación Galega é nova, pero é dona do seu futuro. Un dos primeiros retos deste goberno galego ten sido darlle a este ámbito da política a “maioría de idade” coa creación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Trátase dun paso fundamental para a introducir, consciente e responsablemente, a acción a prol do desenvolvemento como política transversal da acción social da Xunta de Galicia. Coidamos que a cooperación para o desenvolvemento ten que ser transformadora e contribuír á actuación integral da Administración autonómica. Procuramos fomentar na nosa sociedade a interiorización da responsabilidade que como pobo desenvolvido temos cara os máis desfavorecidos. Traballaremos neste sentido dun xeito crecente, dende a base dun maior coñecemento das realidades e das situacións de necesidade que viven máis de dous terzos da poboación mundial.

 Para acadalo, estamos a traballar nunha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega. Apostamos firmemente pola educación para o desenvolvemento na ensinanza primaria e en todos os campos da educación superior.

 Na nosa xestión procuramos, ao tempo, fomentar o fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación, evitando a atomización e o minifundismo que restan impacto ás actuacións desenvolvidas. Como é lóxico, temos especialmente en conta ás ONGD galegas o con presenza activa en Galicia e procuramos contribuír a que acaden unha mellora tanto técnica como operativa nas súas organizacións que permitan incrementar as cotas de esixencia e de efectividade das súas actuacións. A nosa inquedanza é que o sector galego da cooperación sexa realista, pero activo e ambicioso nos seus obxectivos.

Coa creación desta nova web abrimos un espazo de encontro e intercambio con todos vós. Queremos aumentar e mellorar o intercambio de información, datos, imaxes e opinións sobre o mundo da cooperación ao desenvolvemento en Galicia. Esperamos que sexa unha ferramenta útil para todos os cidadáns e, especialmente, para todos os galegos e galegas que traballan a prol da consecución dun mundo máis xusto e equilibrado.

Fabiola Sotelo Sotelo
Directora Xeral de Cooperación Exterior
Presidencia
Xunta de Galicia