Os nosos principios
Unha fórmula máxica
Hoxe, máis de 50.000 persoas morrerán por causas ligadas coa pobreza, máis de mil douscentos millóns de persoas terán que cubrir as súas necesidades básicas con menos dun euro e centos de nenos quedarán orfos porque os seus pais non puideron acceder aos medicamentos necesarios para frear a SIDA.
Hoxe, como todos os días do ano, estarase a vulnerar un dos dereitos fundamentais do ser humano, o dereito que todos temos como persoas a satisfacer as nosas necesidades sociais, culturais e económicas, o dereito que temos a formar parte dunha comunidade que nos permita vivir dignamente e desenvolver todas as nosas capacidades. Este dereito, coñecido como dereito ao desenvolvemento, recoñecido por vez primeira pola Organización das Nacións Unidas o 4 de decembro de 1986. Nel maniféstase a responsabilidade que todos temos, tanto individual como colectivamente, cos procesos de desenvolvemento, sempre dende o pleno respecto as liberdades fundamentais e a soberanía dos pobos.
Un dos aspectos nos que incide este dereito é no deber que teñen os estados de cooperar mutuamente para lograr eliminar os obstáculos para o avance dos pobos, promovendo un novo orden económico internacional baseado na igualdade, na interdependecia e na solidariedade entre países. Unha nova orden mundial onde os dereitos sexan efectivos para todos, non só para unha minoría privilexiada que tivo a sorte de nacer nun lugar concreto do globo.
Se os galegos temos dereito a sanidade pública, a que os nosos fillos reciban unha educación de calidade e gratuita, a un traballo remunerado que nos permita vivir con dignidade, tamén en Mozambique ou Senegal, deben desfrutar dese dereito. Nós temos a responsabilidade moral de garantir que eses dereitos se cumplen, porque fomos os países do norte os que durante séculos colaboramos activamente na súa vulneración.
Non podemos resignarnos a idea de que a pobreza é algo natural, sen posibilidade de solución. Ben é certo que a globalización liberal está acentuando a distancia entre países ricos e pobres, pero non o é menos que somos, segundo o programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento humano, a primeira xeración que conta cos recursos necesarios para rematar coa pobreza. A clave está no reparto equitativo destes recursos. Se non facemos un gran esforzo, o obxectivo de reducir á metade o número de pobres, que se marcou a ONU para 2015 dentro dos Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio, será un estrepitoso fracaso.
Dende Galicia estamos a apoiar, na medida das nosas posibilidades, todas aquelas iniciativas que redunden na mellora das condicións de vida das comunidades máis empobrecidas. A sensibilidade con aquelas situación de inxustiza debe ser un dos activos que nos proporcione a nosa tradición de pobo emigrante, que sabe o que é verse privado de recursos cos que subsistir.
A cooperación galega aínda que está a dar os seus primeiros pasos, mostra unha vitalidade que de seguro contribuirá, como xa o está a facer, na fuxindo sempre de concepcións asistencialistas. O noso obxectivo, como así o marca o Plan Director da Cooperación Galega aprobado cun amplo consenso das organizacións do sector en abril deste ano, é pór a disposición dos pobos máis pobres do planeta a nosa experiencia histórica, os nosos valores e recursos para combatir estas situacións de desigualdade, de xeito que se promova activamente o dereito a un desenvolvemento integral e sostible.
Estamos xa a traballar en países dos cinco continentes financiando proxectos que apostan pola educación, a promoción da igualdade entre homes e mulleres, a mellora da cobertura sanitaria ou acceso a microcréditos. Somos punteiros en políticas de cooperación pesqueira, aportando todo o noso saber a aquelas comunidades que teñen na pesca un recurso co que poder alcanzar un grao aceptable de desenvolvemento. Cremos nunha cooperación na que haxa unha máxima interrelación entre receptor e donante, onde se dea resposta as necesidades reais das comunidades sen crear ningún tipo de dependencia.
Sabemos que o traballo que queda por diante é moito e complicado, por iso consideramos imprescindible o apoio non só dos actores do mundo da cooperación senón de todo o conxunto da sociedade, implicándose activamente neste imparable proceso de cambio. Todos temos unha responsabilidade neste ámbito e debemos esixir que se tomen as medidas necesarias para a observancia dos dereitos humanos a nivel mundial, xa que este dereito ao desenvolvmento é imposible acadalo se o resto son violados de xeito continuado.
Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estamos a traballar para que os galegos se poidan sentir orgullosos de que parte dos seus impostos se invirtan en contribuir ao avance doutros pobos. Deste xeito, aprendendo uns dos outros quizáis poidamos acadar unha formula máxica que nos permita avanzar cara un mundo onde o día dos dereitos humanos sexa un día de celebración e non de denuncia.






