Plan Anual da Cooperación Galega 2007
O Plan Anual da Cooperación galega para o desenvolvemento da Xunta de Galicia centrará a súa actuación na realización dunha política activa e integral do fomento do coñecemento das desigualdades no mundo, de sensibilización e educación para o desenvolvemento, o fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación, a mellora da calidade técnica e operativa do sector, a procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación e a elaboración das estratexias para as prioridades da cooperación galega.
O orzamento destinado para estas actuacións é de 9,3 millóns de euros o que supón un incremento dun 40% respecto ao ano pasado. Esta subida supón que practicamente o 0,1% do orzamento do Goberno galego se dedicará á cooperación internacional.
Do orzamento total, un 67,7% destinarase a convocatorias públicas de axudas dirixidas a proxectos de cooperación no exterior, un 21,8% achegarase ao cofinanciamento de proxectos de cooperación, formación e sensibilización; un 7,5% irá dirixido ao financiamento de proxectos conxuntos coa AECI a través do Plan Operativo Xunta-AECI 2007-2008 e un 3,3% será para actividades de difusión da cooperación galega: páxina web, campaña de comunicación e publicacións, entre outras accións.
Establécese tamén como prioritario destinar un máximo do 70% dos recursos da cooperación aos 17 países considerados prioritarios e a elaboración para casa un deles dun documento de estratexia de intervención. Tal e como quedou recollido no Plan Director estes estados son: Perú, Bolivia e Ecuador, en América do Sur; Guatemala, Nicaragua, Honduras e El Salvador, en Centroamérica; Cuba, República Dominicana e Haití, no Caribe e Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal, en África.
Mellora da calidade técnica e operativa
do sector
Entre os obxectivos que marca o Plan Anual
da Cooperación Galega para 2007 destaca o de mellorar a calidade
técnica e operativa do sector. Para isto dende a Dirección
Xeral de Cooperación Exterior estanse a poñer en práctica
un conxunto de iniciativas con este fin. Entre elas, o financiamento
das actividades formativas encamiñadas a coñecer a metodoloxía
da formulación de proxectos co obxecto de que participen membros
do sector da cooperación. O aumento na adxudicación do
número de bolsas é outra das accións coas que se
pretende profesionalizar o sector en Galicia. Ademais espérase
que neste 2007 se poña en marcha a Rede de Funcionarios Cooperantes
Galegos, que permitirá a participación do funcionariado
galego en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento.
Busca
de sinerxías
Aproveitar aqueles sectores
galegos que poidan aportar máis valor e experiencia ás
accións de cooperación é outra das prioridades que
se contemplan para este ano. A pesca, a transferencia de tecnoloxía
e de capacidades organizativas para o exterior, así como a xestión
da saúde, a educación e os recursos naturais e de medio
ambiente concentrarán a maior parte dos recursos da Dirección
Xeral de Cooperación Exterior neste 2007. Un dos instrumentos
utilizados para acadar estas sinerxías será a cooperación
directa. Esta ferramenta de cooperación permite chegar a sectores
e espazos aos que outros axentes galegos non chegan mediante a realización
de proxectos integrais nos que se busca implicar ao maior número
posible de persoas e institucións, tanto en Galicia como nos países
receptores.
Simplificación
de procedementos e elaboración de estratexias
Dedicarase
unha especial atención á elaboración dos documentos estratéxicos
de intervención. Estes documentos, denominados Plan de Actuación
por País (PAP), pretenden evitar a dispersión das accións
realizadas polos axentes da cooperación galega, de xeito que estas
se orienten cara intervencións máis activas e integrais.
No eido da xestión, o Plan Anual da Cooperación para 2007 contempla a simplificación de procedementos burocráticos na xustificación de proxectos, de xeito que se poidan adaptar ás especiais dificultades nas que se desenvolve o traballo no exterior, en particular nos países en vías de desenvolvemento.






