Plan Anual da Cooperación Galega 2006
O Plan Anual da Cooperación galega para o desenvolvemento da Xunta de Galicia centrará a súa actuación na sensibilización, a aposta polo Comercio Xusto, o consumo responsable e o fortalecemento do tecido da cooperación
O orzamento destinado para estas actuacións será de preto de 6,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,06% respecto ao do ano pasado
A Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan Anual da Cooperación Galega para 2006, que orientará as accións da Dirección Xeral de Cooperación Exterior na sensibilización, na aposta polo Comercio Xusto, o consumo responsable e o fortalecemento do tecido da cooperación en Galicia. Trátase dunha aposta por unha política activa e integral na loita contra a pobreza e as súas causas.
O orzamento destinado para estas actuacións será de 6,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,06% respecto ao do ano pasado.
Segundo se recolle no texto do plan “desde
a Xunta de Galicia asúmese a loita contra a pobreza nun senso
amplo” e como “unha misión que levaría a enfocar
os esforzos da administración” a favor do “desenvolvemento
integral, humano e sostible”. Para esta tarefa -sinala-, “a
sociedade galega quere poñer á disposición dos pobos
máis pobres do Planeta a súa experiencia histórica,
os seus valores e a súa cultura, os seus activos e os recursos”.
Este plan anual supón a inclusión da cooperación como
política transversal da acción do Goberno galego e constitúe
unha ferramenta de traballo que establece un modelo de cooperación
adecuada ás fortalezas e debilidades do sector en Galicia. Xunto
co impulso orzamentario establecido nas liñas estratéxicas
do Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009,
tratarase de agrupar sinerxías para acadar un maior impacto nas
actuacións.
O traballo programado pola Dirección Xeral de Cooperación
Exterior, guiado tamén polo compromiso da comunidade internacional
cos 8 Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio adoptados pola ONU en 2000,
terá dúas liñas prioritarias de acción: a sensibilización
social e o fortalecemento do tecido galego da cooperación.
SENSIBILIZACIÓN
O Executivo autonómico entende que a iniciativa da Cooperación
Galega debe residir maioritariamente na sociedade pero tamén no
goberno que a representa. Deste xeito, asume as tarefas de impulsar e
canalizar as inquietudes sociais así como o fomento da interiorización
da responsabilidade que as sociedades desenvolvidas teñen sobre
a situación de empobrecemento dos países menos adiantados.
A actuación da Administración autonómica tenderá tamén
a fomentar a implicación da cidadanía nos diversos proxectos
que se poñan en marcha. Non se trata só de financiar actuacións
concretas senón de traballar de xeito integral para o fin da pobreza
e as súas causas. Neste contexto sitúanse tamén as
accións de apoio ao Comercio Xusto e o Consumo Responsable. Trátase
de conseguir que os consumidores sexan conscientes da importancia de orientar
as súas compras cara a produtos de “comercio xusto”,
a suma de decisións individuais como modo de acadar un maior compromiso
da sociedade galega cos valores que este tipo de comercio defende: a non
explotación, a erradicación do traballo infantil e a utilización
sostible dos recursos, entre outros.
A dotación económica para as convocatorias de axudas para
actividades formativas e de sensibilización increméntase
en 2006 un 44 %, acadando un importe total de 325.000 euros.
FORTALECEMENTO DO TECIDO ASOCIATIVO
Como segundo obxectivo anual, o Goberno galego proponse fortalecer o tecido
da cooperación para que os diversos actores deste eido estean
comunicados e actúen de xeito coordinado, o que se traduce en
mellor e maior impacto das iniciativas de cooperación. Os sistemas
autonómico e local son especialmente propicios para impulsar
iniciativas que favorezan a integración dos diversos actores
nun mesmo ámbito de actuación.
As ONGD desempeñan un papel esencial como promotoras e xestoras de intervencións de desenvolvemento así como xeradoras de conciencia cidadá arredor dos valores da cooperación. Informes recentes poñen de manifesto certas debilidades neste sector. Coa finalidade de contribuír á súa consolidación e fortalecemento, este ano destinarase un total de 270.000 euros en 2006 para esta liña de subvencións, un 20,5% máis que o ano pasado. Preto de 6,7 millóns de euros.
O orzamento para actuacións en accións a favor do desenvolvemento acada en 2006 un total de 6.698.079 euros, o que supón un incremento do 8,06% sobre o de 2005.
A maior parte das partidas (o 70,87%) servirán para financiar as
convocatorias públicas de axudas para proxectos de cooperación
no exterior; de sensibilización e educación, e de consolidación
e fortalecemento das ONGD. Cunha dotación menor, destinarase ao
cofinanciamento de actuacións a través de convenios con entidades
(principalmente institucións) galegas e do exterior o 15,7 % dos
fondos, mentres que se achegará o 9,7% do orzamento para desenvolver
proxectos conxuntos coa Axencia Española de Cooperación Internacional
(AECI), a través do Plan Operativo
Xunta-AECI 2006.
O 3,73% restante utilizarase para financiar outras actividades co obxectivo de difundir o traballo en cooperación como por exemplo a creación dunha páxina web, campañas de publicidade, publicacións, entre outras.






